REVOLUCIÓN NOS PAÍSES ÁRABES
Ninguén o esperaba. Quen pensou hai so uns días que a masa da poboación en países como Túnez, Exipto… e os que virán, ían saír á rúa para reclamar democracia? Como sempre resulta que os pobos non poden ser identificados cos gobernos que manteñen, cando se trata de dictaduras. Que non todos os musulmáns son islamistas radicais adoradores de Mahoma, que dentro das dictaduras- sempre me acordarei da franquista que me tocou vivir- non todas as persoas son adictas ao réxime.
Máis nos asombra a disposición do exército de poñerse do bando popular en lugar de obedecer as ordes do dictador que sumiría o país nun baño de sangue. Podían pór cravos no fusil como os portugueses.
Que fixeran as democracias dos países occidentais ou norteamericanos? Calar. Non cuestionarse os sistemas opresores mentres puidesen tirar algunha prebenda e durmir tranquilos. Agora, algúns din satisfacerse da chegada da democracia, pero non moveron un dedo. Outros preferirían que nada cambiase. Argumentan, para desculparse, que o islamismo máis escurantista pode facerse co poder. Recórdame os argumentos que esgrimiron para coutar a lei, proposta por Clara Campoamor nas Cortes republicanas, que lle daría o voto ás mulleres.
Para ser demócrata hai que camiñar dentro da democracia. Que millóns de persoas saian á rúa para reivindicala é a mellor noticia do novo ano. Iso xa non ten volta atrás. Tardaremos en ver as mulleres sen velos e túnicas, porque os prexuízos patriarcais son os últimos que se logran vencer. Nestes lares, despois de termos unha Constitución democrática, tardamos anos en conseguir unha lei de Igualdade, que aínda non e efectiva na práctica. Non levamos velo pero os velatorios non cesan. Sete no primeiro mes do 2011.
Ao mellor conseguen os cambios antes do que pensamos. Teñen exemplos. Navegar por internet impulsa as mentes á liberación. Oxalá!
Artigo de Mª Xosé Queizán. Publicado no blogue da FIG